Resumo: A recente (e esperada) aparición no Ordenamento Xurídico estatal da nova Lei Orgánica de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais trae consigo, a través do seu artigo 3º, a primeira regulación legal, no Estado, do que se ten dado en chamar "herdanza dixital", "morte dixital" ou mesmo "dereito a morrer en Internet". O Estado español únese así a outros territorios como Catalunya , Francia ou Estados Unidos nos que xa existía norma na materia.
Deste modo, o lexislador habilita a actuación de determinados suxeitos con interese na sucesión ante fornecedores de servizos dixitais con respecto á información da persoa falecida. Así mesmo, prevense disposicións específicas para o caso de falecemento de persoas menores de idade e persoas con discapacidade, que permitirán a actuación de Ministerio Fiscal, xs titulares da patria potestade ou mesmo coidadoras de feito.
É a nosa intención analizar os contidos da antedita Lei Orgánica dende unha perspectiva crítica. En primeiro lugar no que respecta á xustificación mesma da súa existencia (Crea realmente un novo dereito específico e descoñecido até o momento?). En segundo termo analizando con detalle os requisitos de xestión de contidos en caso de falecemento, en atención a posíbeis antinomias ou contradicións neles; así coma a súa interacción coas normas (termos e condicións) das plataformas dixitais maioritarias. Por último, debullando os supostos de eventual colisión entre estxs novxs xestorxs de contidos dixitais de persoas falecidas e as figuras civís de xestión da masa hereditaria; con especial fincapé na regulación contida na Lei de Dereito Civil de Galicia.